Novo libro editado por Galaxia
Venres, Marzo 13th, 2009 | Sen clasificar | Non hai comentarios
Con este libro abrirás a boca!
Quererás comelo dun bocado, pero hache saír antes unha gargallada tan grande coma un queixo.
Páxinas coruñesas
Venres, Marzo 13th, 2009 | Sen clasificar | 2 Comentarios
O título da miña poesía en alemán de hoxe é unha copia máis ben xareliña do canto nocturno da miña prima Brunhilde von Frankenstein que vive entregada a unhas arias que ben poderían ser do meu primo Benedictus, bendito sexa: Öffne deine Flügel, goldene Nachtigall! (Abre as túas ás, paxaro dourado rousinoliño!) Poden crer nítidamente na existencia dun primo tan sumamente sacro, na miña familia alpina moran elementos insospeitados. Para máis gozo, eu xa conto cunha firme parroquia de adeptos que fai circular todo xénero de laretadas sobre unha servidora e o meu primo, ou é o seu primo? Non se pode ser alemá e mais oriunda, non tes nada. A culpa é de Olegario, o meu taxista favorito. Preguntoume un día que se non estaba moi contenta cun papa santo da miña terra. Da miña terra? dixen eu. Non me chistou moito, parecía que estivese falando do meu enterro. Ti non es de Bavaria? dixo Olegario. Inmediatamente dei a benvida á feliz conxuntura; que oportunidade máis beata ficar incluída na santa compaña eu, que son protestante! Non o contes a ninguén e tampouco ao noso perverso embaixador, non quero que o saiba. O taxista meu favorito ficou entre molesto e desvelado. O qui? dixo. Mon Dieu, ti xa sabes que son un sarcófago. A Olegario gústalle moito runflar de glosario esquisito. Conto contigo, logo, dixen. O meu taxista parou o taxímetro. Ai que carallo! dixo. Isto promete. Tusindo de xeito místico dixen moi catolicamente que o bávaro papa santo era o meu primo favorito. O teu primo! dixo como en soños. Pero ti non es evanxelista? Dixen que non o era e non dei máis explicacións, pois gosto moito dos erros relixiosos. A xente ultimamente está moi informada, é tristísimo. C´est la vie, dixo moi pensativo o meu taxista. Logo espertou do seu letargo. Ata o imitas, e moito! dixo embuído de fe. Eu, feliz. Outra lenda urbana argallada por min. A pel é a mesma! Tan branca coma dun bebé, e a expresión… tan inocente, case cándido! Non dixen nada, aínda que o conto da miña pel branca faime dano, é irreal, son roiba con cara de alemá, iso é todo! Teño a pel morena coma unha moura entre dúas noites. Pois onte faláronme na sauna da Solana dicíndo que xa sabían que eu tiña un número secreto nun móbil malva eclesiástico que me enviara o meu primo papa santo, aínda que eu era evanxelista, polo visto. Que piparelas son.
Comentarios recentes
- maribel en Páxinas coruñesas
- maribel en Páxinas coruñesas
